Urbanismo Responsable: Severino Rodríguez Díaz
A Concellería de Urbanismo ofrece, ós cidadáns e ás institucións, asesoramento especializado no referente á xestión da planificación municipal, á elaboración de proxectos de ordenación urbana ( peonalizacións, urbanización de rúas, parques e xardíns, edificios municipais,... ), e ó cumprimento das normativas en vigor.
Entre as súas competencias destaca a programación das actuacións urbanísticas, a tramitación de licencias, a información, a execución de programas urbanísticos ou a xestión do patrimonio municipal do solo.
UN NOVO MONFORTE, É POSIBLE A cidade de Monforte é, dende sempre, o núcleo de referencia industrial, comercial e de ocio, para os habitantes do Val de Lemos.
Monforte conta cun notable casco histórico que, na actualidade, está centrando os esforzos do Concello mediante un Plan de Rehabilitación encamiñado a devolver ás edificacións que nel se ubican un aspecto máis acorde coa súa importancia histórico cultural e a súa relevancia socioeconómica, xa que gran parte do comercio tradicional atópase nesta zona da cidade.
Ademáis da necesaria intervención no casco histórico, o Concello pretende darlle unha nova imaxe ás rúas céntricas e converti-las en zona de paseo e esparcemento. Para elo estanse ampliando as beirarrúas ó tempo que se dotan de novo mobilario urbano, actuacións que se enmarcan nun ambicioso proxecto de humanización que comezou no barrio de Cobas e que continúa na avda. de Galicia e Roberto Baamonde, ámbalas dúas rúas con marcado carácter comercial e de servizos. Mediante este proxecto de humanización o Concello persegue ofrecer ós cidadáns un contorno máis agradable e propicio para o disfrute dos peóns, ó tempo que busca potenciar e favorecer as aspiracións do comercio local.
Os esforzos do Concello en materia urbanística teñen moi presente dous símbolos da cidade: o río Cabe e o monte de San Vicente do Pino.
A gran aspiración do Concello é que a cidade troque a súa relación con estes dous accidentes xeográficos. Ata o de agora, Monforte vivía de costas ó río e, nestes momentos, o Concello intenta, con diversas actuacións, que esa dinámica sufra un xiro de 180º.
A primeira das actuacións encamiñadas a poñer en valor o río Cabe foi o repintado das edificacións ubicadas entre a Ponte Vella e o Parque dos Condes, iniciativa subvencionada polo IGVS e o propio Concello en base a un proxecto elaborado por Teresa Táboas Veleiro, Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Os propietarios e comunidades de propietarios participaron masivamente desta iniciativa que, cun baixo custe para os cidadáns, outorgou a este espacio da ribeira do Cabe un aspecto digno e atractivo.
O Concello ten como prioridade mellorar a calidade de vida dos cidadáns e para elo mantén un permanente dialogo e contacto cos mesmos.
Implicación, participación e colaboración dos cidadáns na construcción de Monforte, é a nosa vontade.
|